A Banda de Garda nace coma punto de encontro das inquietudes e do especial mundo interior e creativo de catro persoas apaixonadas pola música e polas culturas do mundo, que fixan o seu ollar na semellanza de todas elas coa cultura popular do noso pobo.

O seu esforzo por achegar as musicas de raíz do mundo como son o blues, o folk, o country, a musica irlandesa, o rock, o folclore latinoamericano, … á musica popular galega converte cada traballo seu nunha viaxe fascinante e unha experiencia única para os oíntes. Reivindicando a importancia da cultura musical e das tradicións – patrimonio inmaterial que debemos coidar e valorar – así como os valores transversais que percorren as letras e musicas do mundo, A Banda de Garda demostra que todas elas conflúen e se achegan á nós mesturándose no acervo popular e cultural que todos atesouramos.

Pasando esas músicas polo filtro do saber facer que lle outorga a súa ampla experiencia  durante moitos anos como músicos de sesión e de directo de numerosos artistas galegos (Abe Rabade, Emilio Rúa,  Guadi Galego, María do Ceo, Xestreu, Conahadeira, N.E.O., Canela Cafuné, Daniel Minimalia, The Tetas Van, Fiandola, Linho do cuco, A Banda da Balbina, Leo Gianetto Jazz Project, …entre outros), o seu directo é simplemente persoal e único.

Estes catro artesáns da música conseguen facer que todo aquel que se achegue a un dos seus espectáculos percorra os camiños da nosa terra, da xeografía española, europea e mundial a través dun itinerario de cancións, que guía e amosa un proxecto didáctico  persoal, un xeito de entender a musica propio, e un instrumento perfecto para poñer en valor como dende as raíces do rural das que proceden se pode chegar a crear cultura cun instrumento tan poderoso como son as cancións.