Xestreu é unha fusión de cinco formas diferentes de pensar, de sentir, coas achegas persoais de cada unha das súas integrantes…. Isto é o que o define…Do que escoitan ao que cantan hai unha viaxe, un camiño, todo un proceso de adaptación e transformación. O resultado é ese toque persoal Xestreu.

As pezas chegan ao grupo pola indagación de cada unha das compoñentes, dos propios gustos, pola doazón desinteresada de amigos e sobre todo grazas as mulleres que cantan aínda na nosa terra. As súas fontes son esas persoas anónimas de cada pobo, híbrido de canto tradicional e popular. Esas xentes que lles cantan e lles ensinan máis ca unha cantiga.

Gústalles aprender das culturas do mundo, coñecer ás súas tradicións e formas de vivir.

Xestreu  afonda na recollida, adaptación e interpretación das cantigas dos diferentes pobos do mundo. Rachando coas fronteiras e cos prexuizos incorpora os cantos dos pobos á súa forma de entender a música: Portugal, Ucraina, Piamonte Italiano, Mexico, Cultura Cherokee, Cultura Sefardí, Magreb, Flandes, Macedonia, Cerdeña, son os camiños  polos que discorre a viaxe dos seus concertos en directo, pero todos tendo como epicentro Galicia.

Dende o seu nacemento ata hoxe Xestreu ten actuado nas principais vilas galegas, Portugal, distintas provincias españolas, programas de televisión (Luar, Bamboleo, A Solaina…) Radios, Festivais (de Ortigueira, da Luz…), Fiadeiros populares, Certames de música coral e encontros musicais en xeral, eventos solidarios e colaboracións con diferentes artistas de diferentes procedencias.